O servizo de citas True.com consolida o seu éxito en Estados Unidos (con polémicas incluídas)

luns, 19 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

De entre tódolos servizos de citas que están a xurdir en Internet, aproveitando ó máximo certas ferramentas da Web 2.0 (esas que se basean en parte en darlle voz ós tímidos, participación ós tradicionalmente apáticos), a comunidade True.com é unha das que máis está a dar que falar nos Estados Unidos. O servizo vai alén da curiosa estratexia empregada por Match.com (onde aparecen imaxes de mulleres “reclamo” que semellan sacadas dun anuncio de publicidade de moda), presentando ós usuarios practicamente espidos ó carón de lemas provocadores. Esta estratexia, que está a ser criticada pola competencia (que a considera falsa, sustentando parte dos seus argumentos no feito de que moitas desas persoas que saen nas imaxes non precisan certamente meterse na Rede para conseguir citas), é moi posiblemente o segredo do éxito da páxina web, que vén de aparecer da nada para converterse nun dos espazos máis visitados da Internet en Estados Unidos, achegando 700 millóns de dólares por ano ós seus responsables e dando servizo xa a 3,8 millóns de persoas no mes de febreiro.
A competencia máis directa de True.com está constituída principalmente por Match.com (Microsoft) e Yahoo Personals, e semella que van seguir cara a adiante na liña de sacar á luz os posibles trapos suxos da empresa. A xuízo dos responsables destas devanditas comunicades en liña, True.com ponlles toda serie de atrancos ós subscritores que queren pechar a billa do servizo (pagan 50 dólares ó mes), e, amais, no seu historial (engaden) ten unha completa tradición de lanzar publicidade enganosa ós usuarios potenciais: supostas propostas provocativas de clientes que, con toda probabilidade, non teñen nin idea (se é que son subscritores de verdade) de a quen pertence o ordenador no que se presentan.
True.com colleu forza na Rede en 2004, apoiándose unha boa parte da súa estratexia de afianzamento na distribución masiva de enquisas sobre personalidade e sexualidade (coas que marcaba distancias cos competidores). Asemade, sinalan os seus detractores, empregou a base de datos Choice Point (unha das maiores do mundo, que se dedica a arquivar datos persoais da xente do país, incluídos os historiais criminais) co obxectivo de comprobar os antecedentes dos usuarios ou se estaban casados.
Facendo un repaso breve por buscadores, as referencias a True.com non semellan moi positivas. En PCWorld atopamos a experiencia dun usuario que estivo dúas semanas inscrito no servizo e que quixo logo darse de baixo, crendo que lle ían cobrar só un mes de contrato: cincuenta dólares. Porén, dous mesmos despois a declaración da tarxeta de crédito amosaba 153 dólares en cobro da devandita empresa.

PUBLICIDADE