O servizo Wi-Fi de Marineda City acada picos de 2.500 usuarios simultáneos

venres, 23 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía Wi-Fi é xa unha parte fundamental dos espazos comerciais, sexan do tamaño que sexan. Proba diso son as importantes cifras de uso que acadan, unhas cifras que tenden a incrementarse tendo en conta a gran cantidade de cuestións que se resolven con Internet no móbil de cada quen, e tendo en conta que cada vez hai máis xente que usa o seu terminal para procurar onde fica unha tenda ou un servizo, as ofertas de cada establecemento ou simplemente o seu horario. Entre os espazos que meirandes taxas de uso acadan atópase o Centro Comercial Marineda City da Coruña, que, segundo a información que mide os parámetros das conexións, acada picos de 2.500 usuarios accedendo á rede Wi-Fi local de maneira simultánea.
Estes e outros datos figuran nun balance de éxitos feito polo operador galego R, subministrador do servizo, en base á información achegada polo centro comercial. Segundo fan saber, a orixe da optimización actual do servizo está en marzo de 2017, cando Marineda City comezou a brindar aos seus clientes unha nova solución sen fíos con máis cobertura, máis largo de banda e con capacidade para dar servizo a un meirande número de usuarios. Isto implicou que ao longo dos 100.000 metros cadrados da súa superficie se distribuíran 34 puntos de acceso da rede, dando cobertura a todos os recantos do centro. A velocidade de conexión desta rede é de 3 Mbps de suba e de baixada.

PUBLICIDADE