O servizo SmartPEME da Deputación de Pontevedra, adxudicado á empresa KPMG Asesores

martes, 2 de xaneiro do 2018 Redacción

A rede TIC de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, a rede SmartPEME (con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín), afronta o novo ano con novidades. Segundo informa a entidade que preside Carmela Silva, a xunta de Goberno da Deputación aprobou a adxudicación, por procedemento aberto, do contrato de servizo de evolución e xestión da rede á empresa KPMG Asesores S.L, que presentou unha oferta de 986.271,00 euros. Esta contía, por certo, achega un aforro respecto ao licitado e abrangue unha serie de novidades importantes na cifra de accións complementarias mensuais a realizar en cada punto da rede. Tamén haberá novidades no equipo de traballo e no número de empresas asesoradas.
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a institución que preside Carmela Silva, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
No último ano SmartPEME bateu unha serie de récords importantes. Máis polo miúdo, aumentouse en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra.

PUBLICIDADE