O servizo Ferrolterra Móbil, finalista nos premios do Igape á creatividade aplicada

xoves, 3 de novembro do 2011 Raquel Noya

Acto de entrega de galardóns organizado polo IGAPE

O Igape entregou onte en Ferrolterra os seus premios ás mellores iniciativas para o fomento da creatividade aplicada, que este ano celebraba a súa III edición e que, unha vez máis, foron convocados para tratar de darlle pulo á mellora da competitividade empresarial nas terras de Ferrol, Eume e Ortegal.
Este ano as novas tecnoloxías tiveron un lugar destacado nos galardóns, e malia non gañar, o servizo Ferrolterra Móbil, que aposta por facilitar información sobre os recursos turísticos das devanditas comarcas a través de dispositivos telefónicos móbiles, foi finalista e recibiu un premio de 2.000 euros.
A iniciativa foi presentada polos emprendedores Marcos Paz Roca, Daniel Rodríguez Pazos e Alberte Sánchez Matos, que non puideron coa iniciativa de José Carlos Álvarez Feal, autor da proposta gañadora dos 4.000 euros.
O proxecto que gañou este ano consiste no desenvolvemento dun equipo que emite microondas para manter limpas e libres de microoganismos as superficies molladas de boias, pantaláns e outros aparellos flotantes, sen precisar de pinturas con base de óxido cuproso que se empregan na actualidade e que teñen efectos negativos para o medio ambiente.
O sistema proposto inclúe un xerador de ondas de alta frecuencia que se transmiten, amplificadas, a uns mecanismos que, ao vibrar sobre unha superficie en contacto coa auga, provocan variacións bruscas de presión que impiden adherencias e provocan efectos similares a un microcepillado que limpa a superficie mollada.
Tamén foron distinguidas, con premios de mil euros en cada caso, as iniciativas presentadas por Luis Carral Couce, consistente nun sistema de control de manobra para remolcadores de escolta; e María José Fernández Varela, que propón a creación dunha empresa de consultaría especializada en proxectos ecoinnovadores.
A través destes premios á creatividade aplicada, o Igape procura, mediante un esforzo coordinado e conxunto, “elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrolterra mediante a dinamización da creatividade persoal e a relación científica e tecnolóxica entre as institucións educativas, os centros tecnolóxicos e as empresas produtivas”.