O seminario sobre Informática Xudicial organizado polo CPETIG completa a súa xeira en Ourense e Pontevedra

xoves, 29 de setembro do 2011 Redacción

O hotel San Martin da capital ourensá acolleu esta tarde a xornada inaugural do seminario sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnico e Proba Electrónica organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e financiado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia. O seminario, que remata mañá, intégrase nun ciclo formativo que iniciou en Lugo o pasado 15 de setembro, continua hoxe en Ourense e Pontevedra e rematará en Santiago en novembro.
A inauguración na capital ourensá correu a cargo do subdirector xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade, Jaime Barros, que sinalou que para a Xunta de Galicia, a Administración de Xustiza constitúe unha área prioritaria de desenvolvemento e para progresar na utilización das TIC neste ámbito puxo en marcha o pasado ano o Plan Senda 2014.
O obxectivo deste seminario é informar e concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso, así como dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial. Co seminario tratarase ademais de sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática.
Nos seminarios de Ourense e Pontevedra participan máis de 40 profesionais da Xustiza. No seminario de hoxe da cidade ourensá contouse coa participación do avogado e blogueiro Víctor Salgado, e do fiscal especializado en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra, Luis María Uriarte, que abordou o tema da proba electrónica e a súa importancia no proceso xudicial. Ambos relatores estarán mañá en Pontevedra
Na xornada de mañá en Ourense intervirá o Xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que disertará sobre a o protocolo forense en probas electrónicas. Esta segunda xornada formativa completarase co relatorio do perito do Corpo Oficial de Peritos do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Miguel Abal, que abordará na súa intervención o tema da práctica pericial informática.

PUBLICIDADE