O segundo Encontro CIBER.gal celebrarase na Cidade da Cultura o vindeiro mes de novembro

luns, 14 de marzo do 2022 S. P.

Finalmente xa ten de data a segunda edición dun evento de máxima relevancia para afrontar os grandes desafíos que se nos presentan no camiño para acadar unha Rede segura. Estamos a falar do II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, previsto para os días 9 e 10 de novembro na Cidade da Cultura. Concibido novamente como un espazo de “cooperación público-privado”, o encontro abéirase ao Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que é a co-organizadora da nova edición xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. Ás súas costas, o evento ten o mellor dos precedentes: na primeira edición foi quen de xuntar preto de 40 entidades públicas e privadas de diversos sectores. Ademais, recibíronse máis de 1.500 inscricións.
O encontro celebrará a súa II edición, unha vez máis nas instalacións do Edificio Fontán, situado na Cidade de Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Para todas as persoas que desexen facer seguimento do evento pero non lles resulte posíbel desprazarse ata a Cidade da Cultura, a organización anuncia que tamén será retransmitido en liña. En datas vindeiras, na páxina web oficial do Nodo CIBER.gal, publicarase máis información respecto da II edición do Encontro Galego de Ciberseguridade.
AMTEGA e o CPEIG informaron de que “esta próxima edición acollerá de novo actividades que resulten de interese tanto para a cidadanía, como para o tecido empresarial e as administracións públicas, co fin de sensibilizar a todos os niveis da importancia de prestar atención á detección e prevención de posibles ameazas no mundo dixital”. Explican tamén que o feito de que o encontro se celebre este ano, neste intre en concreto, “resulta especialmente importante, pois o panorama actual da ciberdelincuencia a nivel global e tamén na comunidade galega mostra a consolidación dunha tendencia ascendente e ameazas de delitos a través de medios telemáticos, nun progreso que se acrecentou tras a pandemia da COVID”. De feito, aclaran, as cifras revelan que no ano 2021, en Galicia coñecéronse case 20.000 estafas cometidas a través de medios telemáticos, e 1 de cada 4 delitos no pasado ano xa se corresponden con estafas informáticas. Este tipo de estafas subiron un 53,6% en Galicia o pasado ano.
Investimentos de 18 millóns de euros fronte á ciberdelincuencia
Na súa aposta “por garantir unha contorna dixital segura a toda a sociedade galega”, AMTEGA lembra que a Xunta ten en marcha investimentos de 18 millóns de euros para reforzar a ciberseguridade en Galicia. A Administración autonómica conta cun decálogo de medidas e iniciativas para facer fronte ás ciberameazas. Entre elas, ademais da creación do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, destacan un Acordo Marco de servizos en ciberseguridade, a construción do novo Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), a definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027 e os acordos de colaboración con organismos nacionais referentes neste ámbito.

PUBLICIDADE