O sector empresarial de Santiago quere impulsar un hub de innovación dixital

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Cámara de Comercio de Santiago, a Área Empresarial do Tambre e a Universidade de Santiago mantiveron hoxe unha xuntanza para visualizar de que maneira conxunta se pode impulsar a cidade de Compostela e a súa contorna como un referente dixital. Na reunión, na que se sentaron os alicerces para unha “alianza estábel” a prol do devandito obxectivo, as entidades que representan o tecido produtivo demandaron a implantación en Santiago dun hub de innovación dixital. A proposta sitúase ao abeiro da convocatoria da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para a selección de proxectos dixitais que se enmarquen no plan estratéxico para a especialización intelixente.
Na reunión de hoxe participaron o presidente da Cámara, José Sierra, os vicepresidentes, José Luis Antuña e José Carballo; o membro do pleno Xavier Freire; e a secretaria xeral, Rosa Cardeso; pola USC, o reitor, Antonio López, o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzurri, e o xerente, Xabier Ferreira; e polo Tambre, o vicepresidente, José Alborés.
Todos manifestaron a súa vontade de cooperar “activamente” arredor dun proxecto “vital para Santiago, que atraerá talento e investimento”. Segundo fixeron saber, a selección dun proxecto de hub tecnolóxico “suporá o recoñecemento por parte da Administración galega do seu carácter estratéxico, paso previo e necesario para o acceso aos instrumentos de apoio público que se porán en marcha no futuro”.
Ademais, as tres entidades puxeron o foco nas súas alianzas estratéxicas cara a reindustrialización da cidade e comarca, nas que veñen traballando “xa” en colaboración coa Xunta e o Concello. Tamén lembraron que a USC dispón de “cualificadísimos centros de investigación e numerosas disciplinas”, mentres que a Cámara e o Tambre representan o conxunto da actividade económica no seu ámbito territorial, “formado por un tecido empresarial dinámico e crecente, punteiro en varias das súas actividades”.
A maiores de todo o devandito, recordaron que a vontade de habilitar un polo de innovación dixital en Compostela e comarca contribuirá a dinamizar o sector industrial local, a gañar en competitividade, a crear emprego cualificado e a captar empresas, “toda vez que o sector industrial é o principal demandante de innovación e desenvolvemento tecnolóxico”, segundo conclúen as tres entidades.

PUBLICIDADE