O sector do libro advirte que as descargas poderían custarlle 100.000 empregos

martes, 6 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Estes tempos, segundo se nos fai saber, non pintan ben para case ninguén. Nin sequera para o sector do libro, un dos previamente chamados a beneficiarse da nova era da comunicación e do coñecemento (sobre todo en base ás novas canles postas en xogo para promover e distribuír os seus produtos en formatos dixitais). Con todo e se atendemos ao que vén de contar Rogelio Blanco (director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas) nun encontro de representantes da cultura celebrado en El Escorial, a Rede e máis polo miúdo as descargas que favorece é unha “clara ameaza” para o sector. Na súa opinión, non se actuou nin se está a actuar con claridade no senso da regulación e da restrición, de aí que o libre intercambio de ficheiros xerara “a perda de 15.000 postos de traballo e 150 millóns de euros”.
A intervención, reflectida no Navegante, serviulle tamén para louvar a liña estratéxica do Ministerio de Cultura, máis polo miúdo a posibilidade de pechar páxinas web que dean acubillo a contidos protexidos por dereitos de autor.
Ao seu xuízo, coa “piratería editorial a industria do libro xógase hoxe en día preto de 100.000 empregos”, sendo o principal motivo disto a creba “do ecosistema da industria editorial” .
Por certo que dende webs situadas a prol do libre intercambio en liña da cultura estanse a lanzar mensaxes críticas cara ao posicionamento do sector, ao que xa cualifican de inmobilista. Máis polo miúdo, en páxinas como ADSLZone critícase que se siga a usar este “discurso de criminalización” de todo o que ten ver coa Rede, sen dar conta apenas das súas vantaxes, que son moitas:meirandes posibilidades de promoción para escritores e para as editoriais, pulo á intercomunicación entre lectores e autores, posta en marcha de novos xeitos de consumir obras literarias, etc.

PUBLICIDADE