O sector da Enxeñaría Informática determina as primeiras mobilizacións para acadar a equiparación

luns, 20 de xuño do 2016 Fernando Sarasketa

O sector profesional da Enxeñaría Informática, a nivel estatal, vén de acordar as primeiras accións conxuntas para lograr a equiparación de recoñecementos en relación ao resto das enxeñeiras e, nun plano máis específico, para esixir do Goberno Central “solucións urxentes” tralo informe emitido polo Ministerio de Industria no que se exclúe ao devandito sector respecto das enxeñarías no Recoñecemento de Cualificacións Profesionais. En base a isto, as asociacións que representan o sector (tecido académico, profesional e estudantil) reuníronse o pasado venres para acordar as medidas concretas a tomar ante o que consideran “unha situación de discriminación”. Na devandita reunión, celebrada na Facultade de Informática da Universidade Complutense de Madrid, o colectivo decidiu solicitar a intervención do presidente do Goberno para resolver esta problemática como medida previa á posíbel convocatoria de folga do sector en España.
Na xuntanza participaron Eduardo Vendrell, presidente da CODDII; Juan Ramón Palomino, presidente de RITSI; Juan Pablo Peñarrubia, presidente de CCII; e o galego Marcos Mata, presidente de CONCITI.
Ao remate da xuntanza as entidades decidiron constituírse como un órgano permanente para realizar “un seguimento de todas as accións en prol do recoñecemento profesional e académico da Enxeñaría Informática”.
Tras ser convocada con carácter de urxencia, tras coñecerse a existencia do devandito borrador do informe (emitido recentemente polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo en relación á modificación do RD 1837/2008 sobre Recoñecemento de Cualificacións Profesionais) e logo de diferentes encontros destas entidades cos representantes da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI) do Ministerio de Industria, remitíronse as alegacións durante o proceso de audiencia pública, demandas que segundo advirten dende os ditos consellos profesionais foron “ignoradas no informe emitido polo Ministerio de Industria, o que se considerou polo sector o último e insultante menosprezo á Enxeñaría Informática”.
Os representantes de CCII, CONCITI, RITSI e CODDII, tras avaliar a situación, optaron desta maneira por “un primeiro paquete de accións”, sinalan, previas a outras “posíbeis medidas de maior transcendencia”, que posibiliten “unha solución vía o entendemento”. Entre as medidas acordadas polos diferentes colectivos atópanse as seguintes: escribir ao presidente do Goberno solicitando a súa intervención ante a devandita situación, emprender unha campaña informativa que amose a importancia da Enxeñaría Informática na sociedade (e as vantaxes que supón o seu recoñecemento profesional e académico), solicitar o apoio das presidencias das Comunidades Autónomas e dos conselleiros autonómicos de Educación e dos seus Parlamentos, procurar o apoio da Conferencia de Reitores (para trasladar formalmente ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a necesidade de equiparar academicamente a Enxeñaría en Informática ao resto de enxeñarías) ou establecer comunicación firme, tras as vindeiras eleccións, cos grupos parlamentarios e cos deputados integrantes das comisións de Industria e Educación. Asemade, tamén se interpelará aos estamentos da Comisión Europea para que “interveñan na situación diferencial que o Estado ten con respecto á Enxeñaría Informática”.
Entidades implicadas
A fronte común a prol do sector está integrada pola RITSI (a Reunión de Estudantes de Enxeñarías Técnicas e Superiores en Informática, unha asociación estatal que coordina e representa ás delegacións de estudantes das titulacións da Enxeñaría en Informática), a CODDII (a Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Informática, constituída polos responsábeis das escolas e facultades que imparten estudos conducentes ás titulacións de Enxeñaría en Informática en España, tanto públicas como privadas), o CONCITI (Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática, corporación de dereito público que agrupa a todos os Colexios e Consellos autonómicos de Enxeñaría, incluído o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia, presidido por Marcos Mata, que comparte esta responsabilidade coa presidencia do CONCITI) e o CCII (Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática no que se integra o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e que representa unha corporación de dereito público que agrupa a todos os Colexios e Consellos autonómicos de Enxeñaría en Informática de España).

PUBLICIDADE