O sector agroalimentario medrará grazas á creación do polo de innovación de Gradiant e a USC

venres, 7 de outubro do 2016 Redacción

Dende Código Cero xa falamos do polo de innovación dixital para o sector agrolimentario galego, unha achega do Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico Gradiant. A xornada de presentación do polo de innovación dixital para o sector agroalimentario galego reunía onte no Campus Terra da USC a máis de 80 axentes do sector, entre eles: o vicerreitor Javier Bueno; o director de Gradiant, Luis Pérez, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. Indo á proposta, dicir que nace coa vontade de potenciar a imaxe de Galicia dentro de Europa como rexión dinámica e innovadora neste eido, amais dunha ferramenta acaída para impulsar a bioeconomía e a economía rural a través da fixación de actividade económica e da xeración de empregos de alta capacitación no rural.
Segundo se apuntou na presentación deste proxecto, este polo de innovación dixital permitirá ao sector agroalimentario mellorar a súa sustentabilidade a través do uso das TIC, ao tempo que fortalecerá o sector TIC galego como provedor de solucións tecnolóxicas para o agro.
Entre os obxectivos a cumprir por esta ferramenta de innovación dixital para o sector agroalimentario galego están: o fortalecemento do ecosistema de innovación en Galicia mediante este polo, que servirá de ponte entre oferta e demanda e como canle de acceso a recursos para experimentación e formación, ou como instrumento de promoción de proxectos colaborativos e de xeración de masa crítica no sector agroalimentario galego. Este polo quer converterse nun socio estratéxico da Administración na introdución da estratexia RIS3 e tamén na articulación de medidas de apoio específicas para o sector a través da innovación.
Engadir que na presentación de onte tamén se trataron novas posibilidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos. Logo, diversos relatores trataron os programas de financiamento para a dixitalización dos sectores primarios, como é o caso da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A experiencia de aplicación de ferramentas TIC á compañía vitivinícola Martín Códax, o emprego de solucións dixitais na cooperativa agraria Os Irmandiños, e o estudo do caso de modernización dixital da industria leiteira Feiraco completaron o abano de temas a debate nesta sesión.

PUBLICIDADE