O sector aeroespacial galego estivo presente na feira internacional Xponential

luns, 15 de maio do 2023 Redacción

O sector aeronáutico e aeroespacial galego reforza a súa presenza no mercado estadounidense grazas á súa participación en Xponential 2023, un dos eventos de referencia internacional no segmento dos vehículos e sistemas non tripulados que se celebrou a semana pasada en Denver (Colorado, Estados Unidos).
Centum, o Instituto Tecnológico de Galicia, Sense Aeronautics de Gradiant e o Polo Aeroespacial de Galicia conxuntamente co Consorcio Aeronáutico Galego participaron como expositores no pavillón de España, promovido polo Icex. Tamén estiveron presentes en Xponential Lupeon, Sixtema e Marine Instruments, axentes do ecosistema aeroespacial galego; así como Telespazio Ibérica, socio da Xunta na iniciativa.
Durante a celebración de Xponential, máis de 270 profesionais e representantes institucionais visitaron o espazo expositivo galego, entre eles, unha delegación do Estado de Oklahoma; e o Polo Aeroespacial, o Consorcio Aeronáutico Gallego, Centum, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e Gradiant recibiron 120 demostracións de interese respecto dos seus produtos e servizos.
A delegación galega celebrou encontros con representantes de administracións e empresas nos que se presentaron os avances en I+D aplicada aos vehículos non tripulados desenvolvidos en Galicia e visitou espazos institucionais como os dos estados de Ohio, Colorado, Oklahoma, Nova York, Virxinia, Kansas, California, Arizona, Maryland ou Carolina do Norte. Os seus integrantes tamén tiveron a oportunidade de coñecer tecnoloxías de interese para o sector como pilas de combustible para propulsión, mobilidade de sistemas de alimentación eléctrica, sistemas de terminación de voo e simuladores.
No marco desta feira realizaron unha visita ás instalacións de Jeppesen, filial de Boeing Global Services, en Denver; e participaron nunha recepción conxunta no stand do Icex aos estados de Colorado, Oklahoma, Nova York e Arizona.

PUBLICIDADE