O secretario xeral do PSdeG visita o CiTIUS

luns, 30 de xaneiro do 2023 Redacción

O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), situado dentro do Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela. Foi recibido polo director científico do centro, Senén Barro, polo reitor da USC, Antonio López e pola directora adxunta do CITIUS, Paula López Martínez.
Dende un centro de referencia para o sector da ciencia en Galicia, Formoso resaltou o “talento enorme no ámbito do coñecemento e da ciencia” que ten a comunidade, incidindo en que “ten un pulso e un latexo permanente nos centros de investigación públicos”, dos cales destacou a “capacidade para transferir o coñecemento ao ámbito privado e que redunde nun país máis competitivo”.
Reivindicou o apoio dos socialistas á investigación, o I+D+i, a ciencia ou a tecnoloxía, xa que “é unha das nosas bandeiras”, asegurou, están moi preocupados porque a comunidade “vai a remolque” do que se fai no resto de España e de Europa. Puxo como exemplo do que fai falta en Galicia a “moderna” Lei de Ciencia que impulsou o goberno de España que busca “mellores condicións laborais do persoal investigador para frear a enorme fuga de talento que temos no país nos últimos anos”.
Valentín González Formoso subliñou a importancia deste momento histórico para aproveitar os fondos europeos que se dedican ao financiamento de proxectos de investigación, unha “gran oportunidade dos sectores produtivos galegos para competir no mundo globalizado”.
Finalizou reiterando a importancia que lle dan dende o PSdeG á investigación, xa que para eles “Galicia sen a súa ciencia, sen os seus investigadores, non é un país de futuro”.

PUBLICIDADE