O secretario xeral de Medios explicará no Parlamento o proceso de acendido dixital

mércores, 13 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Alfonso Cabaleiro Durán, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, vén de solicitar unha comparecencia urxente na Comisión 1ª Institucional, da Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento galego para informar sobre o proceso de apagado analóxico e acendido dixital que se iniciará o vindeiro luns, 18 de xaneiro e que estará rematado o próximo 3 de abril.
Cabaleiro, segundo veñen de informar dende o executivo, “solicita esta comparecencia a petición propia“unha vez que a Xunta de Galicia e o Goberno central teñen ultimado as datas do apagamento analóxico.
O secretario xeral xa compareceu, tamén a petición propia, no Parlamento galego para informar de todo este proceso de dixitalización o pasado mes de xuño. Durante estes meses producíronse distintos contactos e xuntanzas con alcaldes e representantes dos distintos grupos políticos para informalos deste proceso de transición á TDT.
Asemade, o vindeiro venres, día 15, pola mañá, o secretario xeral de Medios ofrecerá unha rolda de prensa para explicarlle aos medios de comunicación todos os aspectos deste proceso de apagado analóxico.

PUBLICIDADE