O sábado 29 de outubro O Zulo organiza a edición 2022 da súa Xornada de Software e Cultura Libre

xoves, 13 de outubro do 2022 S. P.

O sábado 29 de outubro celebrarase en Mugardos a edición 2022 da Xornada Software e Cultura Libre 2022, organizada pola Asociación Comunidade O Zulo. Nesta nova convocatoria, o equipo organizador (a Comunidade O Zulo) quere dar un novo pulo ao evento abrindo o proceso de envío de propostas para os relatorios.
Segundo informan, a temática das xornadas é moi variada, aínda que en liñas xerais porán o foco en cuestións como a definición de software libre de FSF, na definición de OSI de open source ou en novos proxectos e colectivos vencellados á cultura libre e en galego.
Esta sería a folla de ruta temática proposta para esta edición: hardware e cacharreo; Linux e distribucións; multimedia, vídeo, podcast e radio; patrimonio cultural; presentación de proxectos, asociacións, colectivos e eventos; seguridade, redes e hacking; tradución e localización; web e tecnoloxías web; xeolocalización e mapas; e distribucións de software libre e casos de uso.
A xornada incluirá dous tipos de formatos de exposicións: microrelatorio (entre 10 e 15 minutos para comentar de xeito áxil calquera tema dentro da temática das xornadas) e relatorios (30 minutos para explicar, comentar, amosar ou presentar proxectos, tecnoloxías ou calquera tema de interese no mundo do software e cultura libre).
Esta xornada forma parte das actividades que Asociación Comunidade O Zulo realiza no marco do convenio asinado co Concello de Mugardos para o ano 2022.

PUBLICIDADE