O router todo-en-un de Movistar custará 110 euros para os clientes que xa teñan fibra óptica no fogar

venres, 8 de abril do 2016 Marcus Fernández

Nas instalacións actuais de fibra óptica no fogar de Movistar combinábase o uso dun adaptador chamado ONT e un router (con prestacións moi lonxe das esixidas polos consumidores) e a partires do 18 de abril os clientes poderán mellorar a súa experiencia de navegación fixa e sen fíos coa nova Home Gateway Unit (HGU), que integra nun único dispositivo o router e o ONT, pero que, por desgraza, terá un custo de actualización de 110 euros (IVE incluído).
As vantaxes deste novo dispositivo non é só simplificar a instalación doméstica, senón tamén poder gozar finalmente cun sinal Wi-Fi de calidade no fogar, que agora soporta conexións nas bandas dos 5 e os 2,4 GHz, e até co estándar Wi-Fi AC (o que permitirá tirar un proveito efectivo das elevadas velocidades da fibra óptica en dispositivos sen cable).
A HGU tamén está considerada como un dispositivo 3 en 1 xa que integra un videobridge para facilitar a recepción do servizo de televisión de Movistar+.
O seu chip BCM68380 ten soporte de conexións simétricas de até 1 Gbps, polo que é de esperar que este novo router teña un magnífico comportamento tamén para conexións de cable agora que é inminente a chegada das conexións simétricas a 300 Mbps.

PUBLICIDADE