O reto para facer un filme en 48 horas chega o día 19 de abril á Coruña

xoves, 28 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Que ninguén se sorprenda se a partir do 19 de abril sae a pasear pola Coruña e pensa que está nuns estudos de cinema dos que non hai xeito de arredarse. De feito, a cidade vai acoller os días vindeiros, entre o 19 e o 21 de abril, unha chea de directores novos dando renda solta ao seu talento, á súa creatividade e, sobre todo, á súa capacidade para filmar e contar unha historia o máis rápido e eficazmente posíbel (a toma perfecta). Estes son alicerces da actividade 48 Hour Film Project, unha iniciativa internacional que xa andou por outras cidades estatais e chega agora á nosa terra para retar aos nosos creadores a facer unha película, como se pode deducir do nome do proxecto, en só dúas xornadas.
O 48 Hour Film Project, máis polo miúdo, é unha fin de semana na que diferentes grupos de rodaxe son convidados a realizar unha película (escribila, rodala, editala e estreala) en 48 horas. O funcionamento é así: o venres 19 pola noite procederase a propoñer e elixir un personaxe, un elemento a incluír no libreto, unha liña de diálogo e un xénero, cuestións que deben ser desenvolvidas no seo das películas para, dous días máis tarde, seren entregadas. Estas serán presentadas ante o público no Centro Ágora da Coruña o venres 26 de abril, onde o xurado seleccionará a mellor de entre tódalas achegas. Os gañadores entrarán na carreira para acadar as máximas honras a nivel internacional no marco do The 48 Hour Film Project 2013, onde se elixirá a mellor obra do ano. As películas tamén competirán na Sección de Curtas do Festival de Cannes.

PUBLICIDADE