O reputado mentor Marc Vidal achegará a súa experiencia na internacionalización da galega Cilenis

martes, 4 de decembro do 2012 Redacción

A empresa galega Cilenis, da que temos falado en Código Cero con motivo do seu conxugador de verbos, vén de formalizar unha importante colaboración de cara ao seu afianzamento en mercados alleos. Máis polo miúdo, a colaboración vén da man de Marc Vidal, reputado analista económico e mentor de proxectos tecnolóxicos de éxito. Esta alianza, sinalan fontes da start-up galega con orixe no labor despregado en tecnoloxías e lingüística por un grupo de investigación da Universidade de Santiago, responde a unha aposta firme a prol da internacionalización. “A nosa”, engaden, “é a primeira firma innovadora galega que conta co respaldo de Idodi Labs, a compañía de Marc Vidal”.
Lembrar que Cilenis dedícase sobre todo ao desenvolvemento de produtos e solucións nos eidos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística. As versións para teléfonos móbiles dos seus conxugadores de galego, español e portugués son un claro exemplo deste traballo innovador de clara proxección alén das nosas fronteiras. Esta arela de ver e actuar máis alá da nosa terra atopa, en palabras dos responsábeis de Cilenis, un importante pulo co acordo presentado este luns 3 de decembro, que “permitirá contar coa experiencia de Marc Vidal como mentor, apoio no desenvolvemento técnico e económico e o impulso no proceso de internacionalización, para o que Cilenis disporá das sedes de Idodi en cidades como Londres, Dublín, Panamá, Boston, Los Ángeles, Lisboa e Kuala Lumpur entre outras”.
A alianza concretouse este luns día 3 nunha reunión de Marc Vidal co equipo de Cilenis en Santiago de Compostela. A xornada completouse cun almorzo con profesionais vinculados ás tecnoloxías da información da Universidade de Santiago e do ámbito empresarial, como Alberto Lázaro (Tuapli), José Ramón Pichel (Imaxín Software), Manuel Quintanar (subdirector do Hostal dos Reis Católicos), Mabela Casal (directora da Biblioteca da USC) e os membros de Cilenis Isaac González e Pablo Gamallo, con Juan José Gómez, xerente de Unixest, como anfitrión.
A orixe e o alicerce de Cilenis
Cilenis é unha empresa spin-off creada por membros do grupo de investigación ProLNat@GE da USC, dirixido polo profesor e investigador Pablo Gamallo. Cilenis ofrece produtos e solucións avanzadas nos eidos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística, aplicando o desenvolvemento tecnolóxico aos recursos lingüísticos.
Marc Vidal e Idodi Labs
Marc Vidal é un analista económico especializado en nova economía, escolmado en 2010 como unha das dez persoas máis influentes de Internet en España. Logo de traballar como consultor en modernización e internacionalización de grandes empresas, emprendeu unha nova etapa profesional centrada nas start-ups, empresas innovadoras cun gran potencial de crecemento. Fundou cinco empresas nos últimos cinco anos, que dan traballo a máis dun cento de persoas en América e Europa. Segundo nos fai saber a Universidade de Santiago, o seu principal proxecto na actualidade é Idodi, que agrupa Idodi Internacional, Idodi Corporate e Idodi Labs. É a través desta última que Marc Vidal crea e impulsa novos proxectos, construíndo unha rede de empresas tecnolóxicas da que agora forma parte a galega Cilenis.

PUBLICIDADE