O reprodutor multimedia baseado en software de Mozilla xa está en galego

mércores, 17 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Seguimos dando conta de materiais e recursos informáticos máis preto do noso radio de alcance. Ou de como a Internet se vai facendo paseniño máis galega. Desta volta, e da man do blogueiro Calidonia, toca falar da adaptación á nosa lingua do programa Songbird (máis concretamente da súa versión 1.0), reprodutor multimedia baseado en software de Mozilla. Segundo informa Caledonia no seu espazo en liña, o traballo (que comezou hai tempo) xa está rematado ao 100%, acadándose desta maneira -e no que a disposición do Songbird se refire a nivel de linguas e pobos- o mesmo nivel para o galego có éuscaro, o catalá, o castelán ou o portugués de Brasil.
Cómpre subliñar que o programa en cuestión é software libre (polo que é posible adaptalo ás nosas necesidades particulares) e que arestora ofrécese en 70 idiomas distintos. O obxectivo de Calidonia con este meritorio labor de tradución, amais de contribuír a incrementar a presenza da nosa lingua na longa listaxe de recursos en liña dispoñibles na Internet, é asegurar no posible a participación da mocidade galega no afianzamento da súa lingua nai alí onde se está a facer o futuro das linguas: nos espazos dixitais.
Xa no terreo máis técnico, indicar que Songbird é un programa de reprodución baseado na plataforma XULRunner de Mozilla, polo que dispón de versións para Windows, Mac e Linux. A ferramenta, desenvolvida polos Pioneiros do Inevitable, ten como motor principal o mig, usando o plugin doVideoLAN (VLC) para a reprodución automática e SQLite como recurso de amoreamento de datos para a biblioteca multimedia. A súa posta a disposición da comunidade internauta remóntase a febreiro de 2006, data na que abrollou co nome de Hilda. A última versión estable é a traducida, precisamente, polo blogueiro Caledonia.

PUBLICIDADE