O rato virtual da Universitat de Lleida para persoas con diversidades funcionais vai alén das 300.000 descargas

martes, 14 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Toda tecnoloxía que vaia encamiñada a favorecer a inclusión dixital das persoas con diversidades funcionais, con todo o que iso implica (melloras importantes na súa comunicación, no seu acceso ao coñecemento e na súa calidade de vida), debe ser benvida. Así o entendemos dende Código Cero, onde só podemos ver con bos ollos o salientábel medre que está a experimentar o rato virtual Headmouse, desenvolvido hai uns anos pola Universitat de Lleida coa axuda de Indra e a Fundación Adecco e a día de hoxe obxecto xa de máis de 300.000 descargas, sobre todo (infórmase en El Mundo) no eido de Latinoamérica. O trebello en cuestión, que opera con lixeiros acenos da cabeza e faciais (baseándose en algoritmos de visión artificial), diríxese como dixemos a persoas con mobilidade reducida.
A maiores, é de balde, doado de empregar e ofrece un bo número de prestacións, dispoñíbeis só con descargalo e co único requirimento de contar cunha cámara web no computador.
Sen dúbida unha das súas grandes vantaxes reside no seu custo, que é cero, xa que unha cantidade importante das persoas potencialmente beneficiarias do aparello non contan cos recursos precisos para facerlle fronte a unha adquisición extra de material tecnolóxico, e máis aínda se atendemos á procedencia da meirande cantidade dos usuarios, cidadáns de países en desenvolvemento. Isto é aínda máis importante se temos en conta que algúns aparellos semellantes chegan a custar 12.000 euros no mercado, e moitas non teñen nin a metade de vantaxes e funcionalidades.
O rato virtual, que se está a presentar estes días en diversos países de Latinoamérica, achégase en inglés, español, portugués e italiano. O software do trebello, sometido a melloras e innovacións continuas, está a día de hoxe dispoñíbel na web de Tecnoloxías Accesibles e máis no espazo en liña de Robótica da Universitat de Lleida.

PUBLICIDADE