O público do Carballo Interplay poderá ver 34 webseries de todo o mundo

luns, 25 de marzo do 2019 Redacción

Xa vai quedando menos para o Carballo Interplay, o festival bergantiñán de contidos dixitais e webseries que se celebra a vindeira semana. Hoxe celebrouse n consistorio a presentación da sexta edición do festival, na que se fixo fincapé na relevancia do certame a nivel galego e estatal: é o máis importante da súa temática nos dous devanditos niveis. Tamén se destacou a calidade da sección oficial (con referenciais webseries procedentes de todo o mundo: 34) e máis os esforzos postos para conseguir un programa ateigado de actividades: encontros, obradoiros, relatorios e espectáculos nos que “aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet”.
Amais, púxose o foco no carácter accesíbel do Carballo Interplay, cuxas actividades son novamente de balde e de entrada libre para todos os seareiros (até completar aforo) agás a formación e a programación profesional, para as que hai que inscribirse previamente.
O concelleiro de Promoción Económica da vila, Xosé Regueira, dixo que “grazas ao Interplay, o nome de Carballo é coñecido e recoñecido en moitos ámbitos e en moitas latitudes”. Pola súa banda, o alcalde da localidade, Evencio Ferreiro, abundou na capacidade do evento para conquistar ao público “de Carballo, de Galiza e de máis alá”.
Amais, a directora do Interplay, Sonia Méndez, explicou que na sección oficial do festival o público poderá ver unha selección de 34 webseries de todo o mundo e que, no programa de actividades, contarase coa presenza (por primeira vez en Galicia) das cómicas arxentinas Malena Pichot e Charo López, “referentes no sector dos contidos dixitais e no feminismo”, que son quen de congregar a millóns de seguidoras e seguidores nas redes sociais e que ofrecerán no festival un espectáculo “de humor con trazas de musical fallido”, Hermostra, o venres 5 de abril no Pazo da Cultura de Carballo.
Pola súa banda, María Yáñez, responsábel de actividades do Interplay, recordou que o festival pon o foco, “unha vez máis”, nas mulleres creadoras. Por este motivo, xuntará tres nomes de referencia no audiovisual dixital, Anabel Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman, que falarán de até que punto a sororidade nas redes une e fai máis fortes a mulleres de todas as idades e de todo o mundo. Manuel Bartual e El Hematocrítico, a familia Prieto Flores ou David Sainz e Teresa Segura son algúns dos nomes propios que completan o programa desta edición.
Yañez explicou, tamén, que na súa sexta edición o Interplay seguirá a apostar pola creación de series web en Galicia a través de dúas das súas iniciativas: o Campamento Kamikaze que se desenvolverá dende comezos de semana en Razo e o Premio a proxectos de webserie en galego, cuxos finalistas déronse a coñecer hoxe mesmo. A comedia Válgame Deus! dirixida por Rubén Rodríguez e protagonizada por David Perdomo; a serie futurista Amnesia das novísimas Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin; a resposta ás fake news que propón A mafia da verdade, de Cristina Moreira; e a historia do peculiar millenial Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo, competirán no pitching público que terá lugar o xoves 4 no auditorio da Casa da Cultura de Carballo, perante o xurado formado por Sandra Lesta, Nati Juncal, Enrique Lojo e Xosé Regueira.
Amais, polo Interplay pasarán Marcos López, creador dunha das canles máis populares do Youtube en galego, Telejaita; Miguel Silva Conde, gañador do premio Youtubeir@s 2018 con Aquel-e; Laura Cruxeiras, que triunfa nas redes facendo cancións, humor e reivindicación feminista co dúo Branca e Tinta; o artista coruñés Edu Fernández, a medio camiño entre a videocreación, a parodia e a seriedade de calquera youtubeiro profesional que se fixo viral en 2015 con Chica de la Coru; a crítica feminista e queer Olaxonmario; a xornalista da TVG Alba Mancebo; e mais a actriz e presentadora María Mera, moi activa nas redes sociais, nas que se converteu nunha verdadeira influencer da maternidade. Tamén compartirán as súas experiencias na rede as actrices Lucía Regueiro, María Vázquez e Iria Sobrado, entre outras.

PUBLICIDADE