O proxecto galego algaDRON quere revolucionar a explotación do medio mariño galego

mércores, 8 de novembro do 2023 S. P.

ANFACO-CECOPESCA xuntou forzas con Soltec, o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da Universidade de Vigo e a empresa tecnolóxica Hacce Solutions para lanzar o proxecto algaDRON. Cun orzamento de 1.993.869,36 € a executar ao longo de 36 meses dentro do marco da convocatoria de Proxectos de Colaboración Público-Privada da Axencia Estatal de Investigación, ten como obxectivo “desenvolver unha ferramenta integral revolucionaria destinada a mapear e realizar un seguimento continuo da cobertura vexetal emerxida no litoral costeiro galego”.
Segundo engaden dende ANFACO nun plano máis concreto, algaDRON ten como meta principal “optimizar a explotación das masas de algas, un recurso natural de crecente importancia socioeconómica na nosa comunidade, onde se estima que a cantidade de algas de arribazón xeradas oscila entre 5.000 e 7.000 toneladas/ano”.
ANFACO engade que a ferramenta desenvolvida non só busca aumentar a eficiencia na súa explotación, senón tamén anticiparse “ás posíbeis floracións de mareas vermellas ou de especies invasoras, que poderían ter un impacto negativo no ecosistema das rías galegas e un prexuízo económico para os actores da cadea mar-industria”.
O proxecto algaDRON empregará tecnoloxías de vangarda. Estas inclúen sensores hiperespectrais para a caracterización precisa das diferentes especies de algas presentes nas rías como Ulva Lactuca ou Chondrus Crispus así como sistemas de voo non tripulado alimentados por pilas de hidróxeno e teledetección satelital. Estas ferramentas avanzadas permitirán unha monitoraxe precisa e eficaz, consolidando o compromiso das entidades involucradas en abordar os desafíos ambientais e económicos asociados á xestión sostible dos recursos naturais no litoral galego.
“O proxecto algaDRON”, apuntan dende ANFACO e o resto das entidades implicadas, “representa un paso audaz cara a un futuro máis sustentábel e ecolóxico para Galicia, mostrando como a innovación e a colaboración poden converxer para abordar os desafíos ambientais da nosa época”.

PUBLICIDADE