O proxecto europeo Navegando o Futuro impulsado por GAIN retoma a súa actividade

mércores, 30 de agosto do 2023 S. P.

O proxecto europeo Navegando o Futuro, posto en marcha en xuño pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, en colaboración coa Asociación Clúster Naval Galego (ACLUNAGA) e o Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica (CATIM), retoma a súa actividade este mes de setembro coa celebración de dúas formacións intensivas (bootcamps) orientadas a promover a adopción de tecnoloxías complexas no tecido empresarial naval de ámbalas beiras da fronteira galego-lusa.
Os eventos, dirixidos a responsábeis de compras de empresas do sector, celebraranse o mércores 13 de setembro no Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica en Oporto e o xoves 14 no CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol, respectivamente.
Con carácter previo a estas xornadas, levaranse a cabo dúas sesións formativas en liña os días 6 e 7 de setembro co obxectivo de “familiarizar aos participantes cos conceptos que se poñerán en práctica posteriormente”, sinalaron fontes de GAIN, engadindo que estas accións pretenden “facilitar a toma de decisións para a adquisición de tecnoloxías avanzadas acordes ás necesidades das pemes, que permitan mellorar os seus procesos e contribúan a transformar a industria naval”. As persoas interesadas poden inscribirse para o evento do CIS en aclunaga@aclunaga.es e para o do CATIM na páxina web dos seus proxectos.
GAIN lembra tamén que Navegando o Futuro contempla a maiores o desenvolvemento de catro xornadas learning by doing (aprender facendo) no CIS Tecnoloxía e Deseño durante o mes de setembro para espertar novas vocacións tecnolóxicas no sector naval e garantir o relevo xeracional.
Nestas sesións formativas estudantes universitarios e de ciclos superiores de formación profesional coñecerán de preto os demostradores de Realidade Virtual e Aumentada, control dimensional sen contacto e fábrica virtual desenvolvidos no proxecto Manufactur 4.0, “achegándose dunha forma práctica ás tecnoloxías 4.0 que marcarán o futuro do naval”, engade a axencia GAIN.
Con estas actividades, Navegando o Futuro, financiado con fondos FEDER no marco do programa POCTEC 2014-2020, busca consolidar a transición tecnolóxica e promover a innovación no sector naval da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

PUBLICIDADE