O proxecto depoGAP inicia o desenvolvemento de probas piloto

venres, 18 de outubro do 2013

A Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Novas Tecnoloxías, está a desenvolver, o proxecto depoGAP: Xestión de Activos da Provincia de Pontevedra, co financiado nun 70% polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a través de fondos FEDER.
Este proxecto ten como principal obxectivo dotar aos concellos dos medios necesarios que lles permitan optimizar a xestión dos seus activos mediante modelos de mellora continua da calidade, eficiencia e optimización de custos. A través do mesmo, inténtase proporcionar información aos concellos que lles facilite a toma de decisións, ademais de reforzar a participación cidadá na xestión de asuntos públicos. Os activos municipais constitúen unha das principais partidas de gasto das administracións públicas, polo que a mellora da súa xestión se antolla fundamental.
Para levar a cabo o proxecto depoGAP é preciso desenvolver unhas probas piloto a través das que farase unha análise da situación actual dos activos existentes en tres concellos de distintos rangos poboacionais. Os concellos seleccionados, A Estrada, Mos e Ribadumia, tratarán de ser representativos da realidade provincial co obxectivo de definir a estratexia que se vai seguir dentro do alcance global no proxecto depoGAP.
O xefe de Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Amancio Varela, presentou aos alcaldes dos citados concellos, os principais obxectivos, así como os beneficios que lles achegará o proxecto depoGAP e a necesidade de desenvolver as probas piloto nos concellos aos que representan.
Amancio Varela, explicou que con este proxecto se optimizará a xestión de activos e servizos municipais, o cal suporá un aforro económico, proporcionaralles información actualizada que lles axude á toma de decisións e fomentará a participación cidadá na xestión dos servizos municipais. Ademais, destacou que para o éxito do proxecto será fundamental a implicación e colaboración dos concellos.

PUBLICIDADE