O proxecto de tabletas e aforro enerxético do CEIP A Ponte de Lugo, premiado polo BBVA

mércores, 30 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O alumnado de cuarto de Primaria do CEIP A Ponte de Lugo vén de resultar gañador da novena edición do programa de educación de BBVA, Valores de Futuro, na categoría de Primaria (nivel territorial). As crianzas galardoadas, que recibirán un premio de 2.000 euros, crearon un proxecto chamado TIC e reciclaxe van da man co obxectivo de mercar tabletas para o seu centro e facilitar, desta maneira, unha aprendizaxe máis dinámica e divertida. E todo través das novas tecnoloxías e de accións que axuden a coidar do medio ambiente. O xurado salientou “o gran labor levado a cabo polo alumnado, resaltando o esforzo realizado no desenvolvemento de diferentes accións”.
Entre estas accións inclúese unha fronte común de colaboración para tarefas do fogar que ten por obxecto “recadar pagas”; a creación da Ecopanda (a través de que coidaron o consumo enerxético na casa e máis no cole); a creación de traxes para bonecas con materiais reciclados; a elaboración de xabóns, perfumes e contos creativos e de calidade para a tenda escolar do CEIP; ou unha análise de riscos e de beneficios que as crianzas desenvolveron previo á posta en marcha do proxecto, ou sexa, previa á adquisición de tabletas para o centro.
Este ano, na novena edición do programa de educación financeira Valores de Futuro de BBVA, participaron de forma voluntaria preto de 700 empregados de BBVA, que impartiron diferentes obradoiros e colaboraron coas campañas de aforro en 404 colexios. Os alumnos lucenses elaboraron un vídeo para defender o seu proxecto, que pode visualizarse xa no YouTube:

PUBLICIDADE