O proxecto da Deputación para pór en valor os soutos dos Ancares recibe 10.000 votos na Rede

xoves, 6 de maio do 2021 S. P.

A candidatura da Deputación de Lugo ao premio Copa de España Creativa 2020, un proxecto provincial para recuperar e pór en valor os soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares, recibiu xa preto de 10.000 votos na Rede. A iniciativa da institución provincial é a que máis apoio está a recibir nas valoracións populares, que proseguirán ata o 22 de maio ás 13 horas. A votación estase levando a cabo nunha web específica de España Creativa, onde están publicados os vídeos promocionais dos finalistas das catro categorías.
Un 40% dos votos será do público en xeral a través de vídeos nas redes e o 60% dun xurado experto. Participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España que teñen visión de futuro do territorio
O gañador do voto popular coñecerase en maio, e o gañador saberase en setembro, na celebración do Fórum Orihuela 2020, onde cada iniciativa seleccionada poderá expoñer en público o proxecto.
A iniciativa gañadora será a encargada de organizar un evento de primeiro nivel con representantes de toda España de diferentes ámbitos e ocuparase da celebración da Copa de España Creativa 2021.

PUBLICIDADE