O proxecto Smart City de Lalín quere mellorar a xestión dos estacionamentos da zona azul

martes, 26 de febreiro do 2019 Redacción

Exterior da casa do concello de Lalín

O Concello de Lalín, ao abeiro do seu proxecto Smart City, está a preparar a futura posta en marcha dun sistema automático de xestión da zona azul de estacionamento. Con esta iniciativa, que neste intre está en fase de consulta preliminar no mercado, o Goberno local pretende dar solución aos problemas detectados coa actual xestión de estacionamento regulado (que se basea na colocación de discos detrás do parabrisas dos vehículos), poñendo en xogo tecnoloxías avanzadas de seguimento, localización e comunicación que aseguren a eficacia, a sustentabilidade e a seguridade.
O proxecto foi dado a coñecer hoxe polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares, que sinalou que o obxectivo da dita consulta é “recoller información dende os operadores económicos que permita ao Concello mellorar o proceso de planificación e elaboración de pregos de este expediente para que redunde finalmente nunha mellor contratación do mencionado servizo”.
En termos máis concretos, búscase eliminar a presenza e utilización dos devanditos discos distribuídos polo Concello e facilitar o uso destas zonas por parte da cidadanía en calquera horario, minimizando tamén o tempo que é necesario adicar ao seu control por parte da Policía Local (evitarase que os axentes estean obrigados a percorrer de continuo as rúas de estacionamento azul).
As rúas nas que se aplicará o novo sistema automatizado de xestión da zona azul son todas as que actualmente contan con esta regulación: Principal, Joaquín Loriga, Pintor Laxeiro, Calvo Garra, Antonia Ferrín, avenida Luís González Taboada, Pintor Colmeiro e alcalde Ferreiro.

PUBLICIDADE