O proxecto Petíscame (USC) constata a eficacia do formato podcast para mellorar a experiencia educativa

luns, 10 de xullo do 2023 S. P.

A profesora Rocío García Pedreira, docente da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo (USC) impulsou un proxecto que reivindica o formado podcast como ferramenta de gran utilidade e proxección para o ámbito educativo do ensino superior. Trátase do proxecto Petíscame. Videopodcast sobre libros e ilustración con creadoras galegas, experiencia educativa na que tomaron parte como protagonistas preto de medio centenar de estudantes que aspiran a ser docentes. Os resultados do proxecto foron finalmente “óptimos no plano educativo”, salientou García Pedreira, poñendo o foco “na mellora da atención por parte do alumnado e da súa motivación, así como na ampliación e na adaptación de contidos con ritmos máis dinámicos”.
A profesora tamén destaca outras vantaxes, como a súa capacidade para “rachar coa estrutura ríxida da docencia tradicional e par avanzar na innovación en estratexias e procesos educativos”, ao que se engade a aprendizaxe ou familiarización do uso de novas tecnoloxías, a mellora da comunicación e expresión oral, o desenvolemento de capacidade de traballo en equipo ou de habilidades sociais.
A ampliación das canles de comunicación, e en consecuencia a posibilidade de acadar unha interacción social maior e máis ampla, a promoción do coñecemento libre de forma sinxela e a demanda, así como a promoción de valores e liberdades constitúen, segundo comenta García Pedreira, “outras potencialidades que dispensa o formato podcast, un recurso novo e aliñado coa era dixital que tamén estimula a creatividade”.
Logo de varios meses de intenso traballo, García Pedreira fai un balance netamente positivo da primeira tempada de videopodcasts ao abeiro do proxecto Petíscando Libros e confía en dar continuidade á iniciativa, cuxa primeira edición tivo por obxectivo a produción dun videopodcast de divulgación en galego con perspectiva de xénero sobre o mundo dos libros e da ilustración a partir de entrevistas a creadoras.
Os distintos capítulos que compoñen este videopodcast foron deseñados e gravados integramente polo alumnado, que tamén participou nas labores de difusión e promoción dos 8 capítulos, que xa están accesíbeis en formato vídeo, na canle Petíscame Videpodcast-Youtube, e en audio, en Petíscame Videopodcast-Ivoxx.

PUBLICIDADE