O proxecto NACCE para a colaboración TIC entre ámbalas beiras do Miño preséntase o mércores en Ourense

venres, 14 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O proxecto NACCE, do que xa temos falado en Código Cero este verán, está a coller novos folgos na súa arela de fomentar entre as empresas de ámbalas beiras do Miño unha fórmula que, a xuízo dos impulsores deste programa, preséntase como a máis axeitada para o mercado global: a fórmula do traballo en común, ombro con ombro. O proxecto, dirixido a compañías, profesionais e estudantes do eido tecnolóxico-dixital, de Galicia e do norte de Portugal, basea as súas accións na seguinte serie de puntos específicos: mellorar a competitividade das empresas existentes, crear outras novas baseadas no coñecemento e na innovación e dar saída a aquelas persoas con ideas emprendedoras de alicerce tecnolóxico, de Rede ou de contidos dixitais. Todo isto co mundo, o mercado internacional, no punto de mira. Por certo que o programa preséntase este mércores 19 en Ourense, no Campus.
O proxecto insírese no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España–Portugal 2007-2013, e está liderado pola Consellería de Traballo e Benestar do Goberno galego xunto con AGESTIC – Asociación galega de empresas TIC-, a Cámara de Comercio de Vigo, a Universidade de Vigo, AIMinho – Associaçao Empresarial e máis o CCG/ZGDV – Centro de Computaçâo Gráfica.
Nacce é un espazo de colaboración e, tamén, unha páxina web onde se materializa e se lle dá forma a esa colaboración. Ademais disto, é unha rede integrada por socios e por colaboradores que se dedican a fomentar a formación e o asesoramento entre as nosas empresas, sobre todo nas de pequeno e mediano tamaño, de ámbolos lados da fronteira, coa finalidade de ampliar a cifra de negocios e impulsar o medre. O “catalizador” deste tecido, o elemento de unión, é a rede devandita, baseada en tecnoloxías sociais, 2.0, que se dirixen a fomentar o diálogo e a participación nun obxectivo común. No seu seo están a coller corpo diferentes eventos, presenciais, de diálogo e colaboración: foros de innovación e apertura de fronteiras, mesas de traballo sobre a posta en marcha de todo tipo de iniciativas TIC de mercado. Asemade, inclúese a formalización dunha oficina de asesoramento a empresas do sector en materia de internacionalización.
Como dixemos, o proxecto preséntase polo miúdo este mércores día 19 en Ourense, no Edificio Politécnico do Campus, contando cun nutrido grupo de profesionais TIC do panorama galego e portugués e, en xeral, peninsular. É o caso de Pau García-Milá, gañador do premio Príncipe de Asturias e de Xirona Impulsa Empresa 2010 e autor do libro Está todo por hacer (Cuando el mundo se derrumbe, hazte emprendedor); Alejandro Suarez, autor do libro Ha llegado la hora de montar tu empresa, David Bello, director xeral de IP Global ou Iago Soto, socio de Quobis Network, entre outros.
A xornada de presentación contará coa presenza da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e de representantes de tódolos socios do proxecto: AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Asociación de empresas do norte de Portugal) e o CCG (Centro de Computaçao Gráfica).

PUBLICIDADE