O proxecto Memoria Dixital de Galicia terá continuidade

mércores, 3 de novembro do 2021 S. P.

O Goberno galego presentou este 3 de novembro os detalles da súa nova liña de traballo para fortalecer o sector do libro e fomentar a lectura, unha liña que vén cunha partida de 4 millóns de euros. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foron os encargados de debullar a estratexia, que inclúe tamén un impulso das nosas letras no exterior e á compra de licenzas de libro electrónico.
Fixérono na Fundación Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces), con motivo da conmemoración do Día do Lector, unha efeméride que se celebra cada 3 de novembro coincidindo coa data de nacemento de Xosé Neira Vilas.
Foi no marco destes actos, que incluíron a presentación da programación e que continuarán esta tarde cunha lectura e a entrega do galardón VI Premio Xosé Neira Vilas, onde os representantes da Xunta de Galicia reafirmaron o apoio do Goberno galego ao libro, a lectura e as bibliotecas, que, como dixemos, materialízase nunha partida de aproximadamente 4M€.
Así, tal e como lembraron, a través desta achega fomentarase a súa proxección exterior, celebraranse as feiras do libro en Galicia, apoiarase a adquisición de novidades editoriais e a compra de licenzas de libro electrónico e manteranse as ordes de axudas e subvencións e os convenios coas entidades do sector. Así mesmo, impulsarase o Plan de Dinamización da Lectura de Galicia. Do mesmo xeito, en materia de bibliotecas e arquivos, o orzamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para 2022 inclúe a continuación do proxecto de Memoria Dixital de Galicia “cun forte investimento na dixitalización de documentos e a presentación do II Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia”, explicaron, engadindo que ao seu abeiro manteranse tamén as diferentes liñas de apoio para a mellora das coleccións das bibliotecas públicas e da plataforma de préstamo GaliciaLe.
Premio de novela curta
Lorenzo e Garcia lembraron que o Día do Lector celébrase tamén nas bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia cunha programación de actividades para todos os públicos, integrando tamén as accións previstas na sede da fundación que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego.
Así, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo situou un centro de interese na sala de préstamo cos libros máis lidos ou demandados nos últimos anos. Ademais, publicarán nas súas redes sociais recomendacións literarias dos usuarios cos cancelos #Díadolector e #lectoresrecomendan. No caso da Biblioteca Pública de Pontevedra tamén se habilitou un espazo destas característica, tras compilar as lecturas predilectas dos usuarios.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña estende ata o 27 de novembro a súa conmemoración do Día do Lector a través dunha mostra bibliográfica para conmemorar o nacemento de Xosé Neira Vilas, cunha selección de libros, artigos de revistas, películas do fondo bibliográfico da biblioteca, con información e documentación sobre a súa vida e a súa obra.
No caso da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela programouse para o vindeiro día 6 o contacontos O xardín de Irene, arredor do libro do mesmo nome de Neira Vilas, da man de Soledad Felloza. Por último, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, agasalla hoxe con libros aos usuarios.
Na xornada deste 3 de novembro tamén se fará entrega do premio VI Premio Xosé Neira Vilas que na edición deste ano é para a obra Off The Record, do profesor de Dereito Penal Virxilio Rodríguez Vázquez, da que o xurado destacou “a súa estrutura ao alternar o relato en primeira persoa e as informacións que achegan testemuñas nunha gravadora, e a súa pulcritude estilística”. O galardón está dotado de 1.000 euros e a obra seleccionada será publicada a través de Edicións Embora.

PUBLICIDADE