O proxecto Equal Rural presentou a súa páxina web en Allariz

luns, 13 de marzo do 2023 S. P.

Bernardo Varela, Eva González, Inma Soto, Bruno Cardoso, Helena Ferreira, Ticiana Cardoso e Cristina Cid na presentación de Equal Rural O pasado venres 10 de marzo celebrouse no Consistorio de Allariz a presentación do proxecto Equal Rural. Trátase dunha iniciativa galego-portuguesa de igualdade, innovación e capacitación que leva en marcha tres meses e conta con catro socios, dous portugueses e dous galegos, Innovterra, Associação de Jovens agricultores de Portugal (AJAP), Asociación Grupo Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia (GDR10) e a Reserva da Biosfera Área de Allariz. Na páxina presentada podemos coñecer polo miúdo os obxectivos do proxecto, a equipa responsábel do mesmo, a actualidade sobre Equal Rural e a listaxe de actividades e obradoiros previstos.
O proxecto Equal Rural céntrase nas mulleres do sector agrícola e céntrase en promover a súa participación e representación en todos os postos do sector, incluídos os relacionados cos postos de dirección e toma de decisións, beneficiándose mesmo nas mesmas condicións. Os seus obxectivos son “potenciar a participación e a representación das mulleres en todos os postos do sector agrícola, incluíndo aqueles sectores que se relacionan co liderado e coa toma de decisións”.
O proxecto enfócase en apoderar ás mulleres en áreas onde experimentan dificultades ou para mulleres que queren emprender no mundo agrícola.
É un proxecto financiado pola Unión Europea, dentro do programa Citizens, Equality, Rights and Values Programme (Comisión Europea).

PUBLICIDADE