O proxecto EDAR 360 levará a IA aos procesos de depuración de augas

venres, 18 de febreiro do 2022 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, presentou este 18 de febreiro de 2022, o proxecto EDAR 360, que ten por obxectivo levar as vantaxes da Intelixencia Artificial aos procesos de depuración de augas residuais. Conde indicou que se trata de empregar as novas tecnoloxías para controlar a calidade das augas e xestionar os recursos de forma eficiente.
Neste proxecto, a Xunta colabora con empresas como Viaqua, Ednon e Syspro Automation, así como co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e o Concello de Santiago, o cal xunto con Vigo e Nigrán serán as localidades onde se desenvolverá o proxecto ata 2023. Este, conta cun orzamento de máis de 1 millón de euros aos que a Administración galega achegará máis da metade a través do programa Conecta Hubs. Esta liña de axudas foi lanzada no 2021 para reforzar proxectos orientados ás cadeas de valor dos sectores primario, biotecnolóxico e de saúde. O sentido deste programa é axudar, na súa maioría a pemes, a que poida avanzar na súa especialización e consolidación interrexional a nivel europeo.
A dixitalización e a IA supoñen unha oportunidade competitiva de redución do impacto ambiental importante, e nese sentido, esta iniciativa busca avaliar a capacidade desta tecnoloxía para o control das plantas de depuración de augas a través de patróns de comportamento dos usuarios, sistemas e outros compoñentes.

PUBLICIDADE