O prometedor futuro que nos depara a bioinformática, ao detalle na UDC
xoves, 15 de novembro do 2018
- A cadeira de rodas intelixente desenvolvida ao abeiro da Cátedra Handytronic da UDC e Telecon
Quen
queira enfiar as súas investigacións cara a rica contorna de
desenvolvemento onde conflúen as novas tecnoloxías, por unha banda,
e as ciencias da vida, pola outra, vai ter este venres unha boa
oportunidade para actualizar coñecemento. Será
grazas á conferencia Bioloxía, a revolución que vén. Por que
computacional? Por que bioinformática? A cita será no
Edificio Área Científica da Universidade da Coruña. Está
organizada polo Mestrado
en Bioinformática para Ciencias da Saúde e a Cátedra
Handytronic, responsábel, grazas os recursos reunidos pola UDC e
Telecon, de enxeños tan salientábeis do ámbito biotech como
a cadeira de rodas smart con capacidade para ser movida coas
ondas cerebrais dos seus usuarios.
Segundo
nos conta a UDC, na dita charla explicaranse os porqués de que a
bioloxía computacional se teña convertido nun ámbito de estudo de
primeira liña para o que nos resta de século XXI, sendo semellante
o seu impacto ao xerado pola bioloxía molecular na segunda metade do
século XX. “A bioloxía computacional, tanto nos seus aspectos de
tratamento da información (bioinformática) como no manexo de
hipóteses e modelos (bioloxía computacional), completará durante
este século a revolución iniciada pola bioloxía molecular”,
explica a Universidade da Coruña, engadindo que no transcurso da
conferencia mencionaranse algúns exemplos e retos e comentarase a
enorme demanda de profesionais formados neste eido.
A
charla virá da man de Antonio Carvajal-Rodríguez, doutor do
Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade
de Vigo. O profesor-investigador, enxeñeiro técnico en Informática
de Sistemas pola Universidade Nacional de Educación a Distancia,
centra boa parte do seu traballo actual en empregar os computadores
para avanzarmos na compresión dos diferentes tipos de escenarios
evolutivos. Ten publicados numerosos artigos científicos en revistas
de impacto internacionais e participou en múltiples proxectos de
investigación nacionais e internacionais. Na actualidade é
investigador principal dun proxecto do Ministerio de Educación e
Ciencia sobre as causas e consecuencias da evolución da preferencia
na elección de parella en poboacións naturais.