O programa de emprego de Dodro e os seus concellos lindeiros pon o foco nas TIC

xoves, 17 de agosto do 2023 S. P.

Os Concellos de Dodro, Rois, Rianxo, Valga, Pontecesures e Padrón impulsaron nesta tempada 2022-2023 unha iniciativa conxunta para favorecer a empregabilidade da veciñanza dos distintos termos municipais. O Programa Integrado de Emprego de Dodro, no que colaboran os ditos concellos, está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). A iniciativa proseguiu este verán a súa actividade poñendo o foco na formación tecnolóxico-dixital das persoas participantes (busca activa de emprego mediante as TIC e trámites coas administracións).
No PIE participan 100 persoas desempregadas do ámbito territorial comprendido polos concellos de Rianxo, Padrón, Valga, Rois, Pontecesures e Valga, inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, que se benefician dun conxunto de accións múltiples que teñen como finalidade “a mellora da empregabilidade das persoas usuarias a través da realización dun conxunto de accións para facilitar a súa inserción no mercado laboral”.
As actividades inclúen entrevistas individuais de orientación e asesoramento laboral (a cargo da orientadora laboral do programa nas sedes dos seis concellos) e as seguintes accións formativas levadas a cabo este verán:
-Curso de Busca activa de emprego mediante o uso das TIC, de 10 horas de duración, realizado no Auditorio de Rois do 8 ao 9 de xuño.
-Curso de Trámites online coa Administración de 15 horas de duración, realizado no Auditorio de Rianxo do 19 ao 21 de xuño.
-Curso de Condución de carretilla elevadora, de 30 horas de duración, realizado no Auditorio de Rianxo do 10 ao 15 de xullo.
-Curso de Prevención de riscos laborais no posto de traballo de peón agrícola, de 20 horas de duración, realizado na Escola Avelino Abuín de Tembra en Imo (Dodro) do 19 ao 21 de xullo.
-Curso de Inglés orientado á restauración e turismo, de 60 horas de duración, impartíndose na actualidade na Casa da Cultura de Dodro.

PUBLICIDADE