O programa de dixitalización Reiníciate da Deputación de Lugo xa beneficia a un centenar de pemes

martes, 9 de novembro do 2021 S. P.

A Deputación de Lugo puxo en marcha esta tempada un ambicioso programa para lograr que a dixitalización chegue á meirande cantidade posíbel de pemes da provincia. Estamos a falar de Reiníciate, que vén de ser obxecto dun primeiro balance por parte do presidente da institución José Tomé. Fíxoo nun encontro con empresarios do CCU Monforte de Lemos, aos cales lles presentou os detalles do programa, posto en marcha en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). Segundo lembrou, Reiníciate vén cun orzamento de 1M€ para prestar apoio gratuíto a pemes e autónomos da provincia con vistas mellorar o seu negocio a través da dixitalización. Máis de 100 empresas xa están a afrontar os primeiros desafíos que arrancaron en Lugo, Vilalba, Viveiro e Antas de Ulla.
José Tomé explicoulles que este novo programa da Deputación forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a recuperación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia. “Trátase dunha iniciativa de formación e de asesoramento personalizado que ofrecemos de maneira totalmente gratuíta ás empresas para axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio”, subliñou o presidente, engadindo que a intención é que as empresas “gañen en competitividade, en produtividade, en eficiencia, para que abran novas oportunidades de negocio e, polo tanto, para que teñan ferramentas que lles sirvan, por un lado, para recuperarse antes e de maneira máis sustentábel no tempo dos efectos da crise da COVID e, ao mesmo tempo, para que poidan incluso estar mellor preparadas de cara a futuras situacións adversas”, explicou.
Na reunión tamén participaron representantes da empresa encargada de impartir a formación e facer o asesoramento personalizado, así como persoal da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo.
Segundo indicaron, máis de 100 empresas xa iniciaron o seu desafío particular do programa que arranca cos asesoramentos individuais onde se avalía a situación particular de cada unha. “Agora mesmo”, sinalou o presidente, “están nesta fase nos municipios de Lugo, Vilalba, Viveiro e Antas de Ulla e nas vindeiras semanas arrancará outro proceso en Lugo, Monforte de Lemos e Foz. Unha vez rematados estes desafíos comezarán outros sete, que se adaptarán ás necesidades detectadas nas titorías”.
A iniciativa está dirixida a 500 empresas de calquera sector ou actividade, e de calquera dos 67 concellos da provincia de Lugo, que durante os próximos meses poderán participar nos diferentes desafíos que se poñan en marcha.
Como dixemos, o programa está promovido pola Deputación e a EOI cun orzamento de 1.080.000€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 927.720€. A Deputación asume o 14,1% restante, o que supón 152.279€.
A axenda abrangue accións prácticas como a realización ou actualización da páxina web, a creación ou mellora das redes sociais, o posicionamento ns redes, a mercadotecnia dixital ou a implantación de programas de xestión ou facturación, entre outras.
O prazo de inscrición continúa aberto e pódese formalizar na web lugoformaciondigital.es. Habilítase o teléfono 982 26 02 04 para resolver dúbidas que poidan xurdir.

PUBLICIDADE