O programa Vives Emprendes formará aos desempregados de Ames en sustentabilidade e dixitalización

mércores, 13 de abril do 2022 S. P.

As persoas desempregadas de Ames poden acceder a partir da próxima semana á oferta formativa da organización Acción Contra a Fame, a través do seu programa Vives Emprende. Este conxunto de obradoiros, impartidos en liña e de forma gratuíta, pretenden ofrecer unha saída laboral a través do emprendemento e da economía social, achegando fórmulas para emprender de xeito colectivo e fornecendo de asesoramento e coñecemento práctico sobre financiamento e axudas directas. Porán o foco na sustentabilidade e na dixitalización como formas de poñer en valor un novo proxecto.
O ciclo de talleres formativos desenvolverase na segunda metade de abril, de 10:00 a 13:00 horas a través da plataforma Microsoft Teams. Haberá seis propostas e non será necesario que as persoas participantes sigan todas, podendo optar ás temáticas que máis lles interesen.
O primeiro obradoiro será Define o produto ou servizo que queres vender, o martes 19 de abril,e centrarase na proposta de valor e no plan de negocio do novo proxecto. Ao día seguinte, o mércores 20, celebrarase Competencias para emprender, enfocado á produtividade persoal. Para pechar a primeira semana, o xoves 21 porase o foco nos Modelos de negocio sustentábeis.
Xa na segunda metade do ciclo, o martes 26 seguirá coa materia de sostibilidade, con Taller sectorial: Turismo sustentábel. O mércores 27 será a quenda da dixitalización, con Taller sectorial: como montar tendas físicas e tendas online. Por último, o xoves 28 de abril desenvolverase o último obradoiro, Fórmulas xurídicas de Economía Social, no que se exporán os diferentes modelos de emprendemento colectivo e os principais trámites das súas constitucións.
Para participar nalgún destes cursos, cómpre inscribirse na páxina web do proxecto. Para máis información, pódese contactar co número de teléfono 648 102 178.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, indicou que “o Concello de Ames segue apostando pola formación, para que os veciños e as veciñas poidan formar parte do mercado laboral ou mesmo abrir o seu propio negocio”.

PUBLICIDADE