O programa Uniporta para este curso achegará ós universitarios 200 euros para a compra dun portátil

mércores, 19 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Comeza o curso 2007-2008 e comezan os pulos das institucións para que este curso se apoie un pouco máis no dixital có anterior e menos có seguinte. É nesta liña, na de favorecer o acceso dos alumnos e alumnas galegas á Sociedade da Información e a unha educación con meirande feitura e fondo tecnolóxico, onde se inscribe Uniporta, un programa da Consellería de Innovación e as tres Universidades galegas e que este ano inclúe un orzamento de 900.000 euros. Con estes cartos, achegados polo dito departamento da Xunta, distribuiranse entre os estudantes universitarios axudas de 200 euros para a compra de ordenadores portátiles con conectividade sen fíos.
Máis polo miúdo, o que se pretende con esta iniciativa é achegar á comunidade estudantil as ferramentas precisas para ter ó alcance da man os servizos da Internet e das Intranet universitarias “dun xeito deslocalizado e flexible”.
As grandes novidades deste ano con respecto ó anterior é que as axudas pasan de 150 a 200 euros e de que agora é posible escoller o modelo de equipo portátil que se quere adquirir, pudendo facelo en calquera punto de venda.
Segundo informa Innovación, poderá beneficiarse desta medida calquera estudante matriculado nas universidades públicas galegas, “tanto de primeiro, segundo e terceiro ciclo coma dos posgraos oficiais”. Asemade, a iniciativa abrangue as escolas adscritas ás tres institucións educativas superiores galegas.

PUBLICIDADE