O programa Un, dos, tres volve... en Twitch

xoves, 27 de abril do 2023 Marcus Fernández

Na xornada de onte, David Cánovas TheGrefg fixo un importante anuncio na súa canle de Twitch acompañado por Alejandro Ibáñez Nauta, fillo de Narciso Ibáñez Serrador, que non é outro que o regreso do concurso Un, dos, tres, un par de décadas despois da súa última emisión por televisión, pero desta volta empregando Twitch como plataforma.
Temos aquí un caso máis no que Twitch colle o relevo da televisión tradicional, como fixo Ibai Llanos coas súas retransmisións das badaladas de Fin de Ano (chegando incluso a contar coa presenza de Ramón García e Anne Igartiburu).
A volta do Un, dos, tres non será un concurso semanal co seu formato tradicional, senón que presentarase como unha única gala que poderase seguir por Twitch e que contará cun formato renovado, adaptado aos novos tempos. Dado que TheGrefg é un dos streamers que acumula máis records de espectadores simultáneos na plataforma podemos contar con que o novo evento sexa todo un éxito.
En breve realizarán unha presentación na que darán conta dos detalles do programa e da súa data de emisión.

TheGrefg e Alejandro Ibáñez anunciaron o regreso do Un, dos, tres en Twitch

PUBLICIDADE