O programa Relánzate! impulsará a transformación tecnolóxica das empresas ferrolás

luns, 24 de outubro do 2022 S. P.

COFER e AJE Ferrolterra presentaron este luns 24 de outubro unha iniciativa de formación e adestramento que abre novas posibilidades de transformación tecnolóxica para as empresas da comarca. Trátase da edición 2022 do programa Relánzate!, convocada co obxectivo de posibilitar que pemes e persoas autónomas poidan aproveitar as ferramentas dixitais para os seus obxectivos de crecemento, espallamento, competitividade, produtividade e rendibilidade. O programa Relánzate foi presentado por AJE e confederación COFER como “unha oportunidade para enfocar a nosa estratexia comercial en Internet”.
Haberá actividades de formación (en novas contornas, en ferramentas para sustentar negocios dixitais, en estratexias de mercadotecnia dixital adaptadas ás pemes, en contidos dixitais en comunicación comercial adaptada aos novos contextos) e titorías para “quen queira aproveitar as oportunidades que nos proporciona un mundo conectado”. Podemos poñernos en contacto coa organización a través do teléfono 981 333 322 ou escribindo un correo electrónico a aje@cofernet.com.

PUBLICIDADE