O programa Girl STEM estrea o seu novo ciclo de conversas cunha astrofísica galega na NASA

xoves, 5 de novembro do 2020 Redacción

A entrevista coa enxeñeira galega Begoña Vila inaugura o ciclo de conversas da terceira edición do programa Girl STEM, derrubando estereotipos, que este ano se transforma nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola COVID-19, pero tamén para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
Begoña Vila é unha enxeñeira astrofísica viguesa especializada no estudo de galaxias espirais que actualmente reside en Washington DC e traballa como enxeñeira de sistemas no centro de voo espacial Goddard da NASA, onde se encarga de controlar que o telescopio espacial James Webb teña a máxima precisión na toma de imaxes tras o seu lanzamento na primavera de 2019.
AGASOL e a Xunta de Galicia inician así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da AMTEGA, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Ademais, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Begoña Vila en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coa súa biografía, a explicación do seu traballo e os proxectos que está a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da AMTEGA.

PUBLICIDADE