O programa Camiño de Innovación de GAIN recala na Estrada e segue o seu periplo polas vilas galegas

mércores, 17 de novembro do 2021 S. P.

A Estrada acolleu este mércores 17 a presentación do programa Camiño de Innovación, destinado a fomentar a transformación (nos produtos, nos servizos, nos procesos, na xestión) entre as pemes e microempresas galegas do rural galego. Na cita participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen lembrou que “a competitividade dunha empresa, con independencia do sector ou tamaño, crece de forma proporcional ao que inviste en innovación”.
En concreto, A Estrada acolleu este mércores a oitava das 18 paradas previstas entre os meses de novembro e decembro nesta iniciativa, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
A iniciativa Camiño da Innovación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes (12M€) da Xunta, e ofrece en cada parada –mediante cita previa– asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos da GAIN. Deste xeito, axudaráselles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica.
O obxectivo é atender máis de 200 consultas en toda a xira, colaborando con cada empresa para elaborar unha folla de ruta coa que poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.
O programa conta tamén coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais.
Na cita da Estrada contouse coa presenza de Ausavil –dedicada á fabricación e venda ao por maior de maquinaria e accesorios para o sector forestal, xardinería, horta ou enoloxía– e Orballo Innovaciones Forestales –especializada no cultivo cen por cento ecolóxico de plantas para a produción de infusións e especies aromáticas–. Son, en palabras de Conde, dous exemplos destacados de transformación que lembran a riqueza que achega o sector forestal ao medio rural e as oportunidades que hai nel para fixar industria.
O programa chegará este xoves 18 ao concello pontevedrés de Ponte Caldelas, mentres que o vindeiro luns 22 prevese que se desenvolva en Salvaterra de Miño, acompañando ao tecido empresarial galego para que poida dar o salto dixital, modernizarse e emprender proxectos no eido da sustentabilidade, ao tempo que, no contexto dos fondos europeos, se busca que as pemes sexan beneficiarias directas das axudas.
Pode consultarse máis información sobre vindeiras citas de Camiño da Innovación na ligazón de seu.

PUBLICIDADE