O profesorado galego terá máis formación dixital

mércores, 5 de xullo do 2017 Redacción

Presentación do novo plan de formación celebrada este 5 de xuño na Cidade da Cultura

Dun tempo a esta parte as entidades ligadas ao dixital e ao educativo (institucións públicas, asociacións profesionais e mesmo empresas) están a intensificar o labor formativo TIC entre as novas xeracións. Este traballo quérese (e débese) prolongar e optimizar cunha estratexia docente análoga e complementaria entre o profesorado. En base a isto, a Consellería de Cultura e Educación vén de elaborar un Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 especialmente centrado na educación TIC. A intención é “dar resposta aos novos retos e oportunidades que se propoñen no sistema educativo galego”. Isto compleméntase coa futura Estratexia galega de educación dixital 2020.
Que implica todo isto? Pois, entre outras cousas, que se introducen as iniciativas formativas no ámbito STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), vinculadas ás materias de libre configuración autonómica como Programación, Robótica ou Identidade dixital, esta última de nova implantación o curso que vén.
Ademais destas liñas de acción específicas, o Plan fará fincapé na formación en igualdade, convivencia e inclusión coa “intención de que todo o profesorado teña a oportunidade dunha formación básica e actualización nestas materias”. Ademais, traballarase no desenvolvemento das Escolas de nais e pais (entendidas como “unha ferramenta esencial para favorecer a participación das familias na educación”).
Segundo a Consellería, o Plan anual funcionará como “unha folla de ruta para todos os docentes galegos que queiran ampliar a súa formación continua, partindo da base de que todo o que se faga por mellorar a formación dos nosos profesores repercute directamente no alumnado e, en consecuencia, na sociedade en xeral”.

PUBLICIDADE