O profesor da UVigo Celso Cancela dirixe a cátedra europea sobre a dixitalización da UE

martes, 13 de decembro do 2022 S. P.

Os efectos da dixitalización tanto sobre os servizos públicos como sobre a propia soberanía das institucións comunitarias constitúen o eixo central da Cátedra Jean Monnet que a Comisión Europea concedeu ao profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela. Baixo o título de European Institutions and Citizens: Adapting the EU to the digitalisation challenges (EICAUED), esta cátedra, segundo informou a UVigo, posibilitará “o desenvolvemento ao longo dos próximos tres anos tanto de traballos de investigación sobre as implicacións da dixitalización na actuación e políticas da UE, como a organización de actividades formativas e divulgativas”.
Neste caso, a proposta seleccionada pola Comisión Europea busca pór o foco na abordaxe de diferentes cuestións “relacionadas coa organización institucional nun contexto de transición á dixitalización”, afondando nos efectos destas transformacións e da propia estratexia dixital da UE nas propias institucións comunitarias, e nos servizos e políticas públicas,
Co-financiada pola Comisión Europea, busca promover “o diálogo e a interacción entre a esfera académica e a sociedade civil”, así como a “transferencia de coñecemento aplicable á esfera social e económica”.
Trátase da segunda Cátedra Jean Monnet outorgada a este docente da Área de Ciencia Política e da Administración, tras a que desenvolveu entre 2014 e 2017.
“Desde hai anos, a Unión Europea está impulsando a dixitalización e os estados están acollendo todas as iniciativas dunha maneira espectacular, asumíndoas rapidamente e facendo os seus respectivos plans para dixitalizar a economía”, sinala Cancela respecto do eixo temático desta cátedra, engadindo que tamén se vai pór o foco en cuestións como “a soberanía dixital”, e nos efectos esta pode ter en múltiples eidos, desde “temas de seguridade e defensa ata nas políticas industriais”. Neste punto, o docente pon o foco en que “a soberanía é un concepto central na ciencia política e na teoría do Estado” e que, no actual contexto, a chamada “soberanía dixital está comprometida pola dependencia tecnolóxica que ten Europa”.
As accións incluídas nesta cátedra, implican por unha banda un traballo de investigación, centrado en aspectos como os efectos da dixitalización nos servizos públicos, nas axencias ou na participación política, así como en “cuestións relacionadas coa Intelixencia Artificial vinculada coa Unión Europea e a ciencia política”. Por outra, están previstas tamén diferentes actividades formativas, que terán un “formato híbrido” e a organización de diferentes eventos abertos á cidadanía.

PUBLICIDADE