O profesor Francisco Ares, da USC, recoñecido por enxeñeiros electrónicos de Estados Unidos

xoves, 4 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago segue dando que falar nacional e internacionalmente en materia de todo aquilo que achega non só para mellorarse a si mesma (contidos, canles, actividades formativas de todo tipo, colaboración con empresas ou institucións), senón tamén en beneficio do escenario xeral no que se insire. Se o outro día falabamos nesta mesma web de todo o que acadou a USC neste labor de ollar cara a adiante ao longo de 2009 (chámeselle innovación, chámeselle investigación e desenvolvemento), agora cómpre falar dun recoñecemento concreto, procedente de alén das nosas fronteiras, a un investigador da casa: o profesor Francisco J. Ares Pena, director do grupo de Sistemas Radiantes da USC e nomeado en Charleston (Carolina do Sur, Estados Unidos) co grao de Fellow pola sociedade de Antenas que concede o IEEE, o Institute of Electrical and Electronics Engineers. O motivo: as súas completas achegas en materia de síntese de diagramas de radiación en agrupacións de antenas.
Segundo conta a USC nun comunicado, o profesor Ares Pena foi este ano o único investigador de toda España que acadou o devandito grao, concedido asemade a outros 12 investigadores de todo o mundo pertencentes a institucións de renome: Stanford, UCLA, Harvard, Berkeley ou Caltech.
Este recoñecemento, de prestixio mundial, vai dirixido a acadar dous obxectivos complementarios. Por unha banda, reforzar ao máximo con fichaxes de alto nivel o equipo de elite (os fellows) da propio Instituto. Pola outra: salientar a carreira profesional das persoas que estean a traballar en calquera dos eidos de actividade do dito Instituto: enxeñería, ciencia e tecnoloxía postas, principalmente, ao servizo do social.
A entrega do recoñecemento, da man do presidente da Sociedade de Antenas do IEEE Makoto Ando, levouse a cabo durante a cena de gala do congreso 2009 IEEE Intenational Symposium on Antennas and Propagation que se desenvolve en Charleston ata este venres 5. No transcurso deste encontro, informa a USC, o profesor da USC intervén asemade como membro do xurado internacional que seleccionou os tres mellores traballos presentados por estudantes de doutoramento de todo el mundo e que tamén foron entregados na mesma sesión de gala.
O profesor Ares Pena
O profesor Francisco José Ares Pena doutorouse en Física pola USC en 1993. Posteriormente desenvolveu diversas estadías de investigación no Departamento de Enxeñaría Eléctrica na Escola de Enxeñaría e Ciencia Aplicada da Universidade de California nos Ánxeles (UCLA), onde desenvolveu parte da súa tese de doutoramento. Na actualidade é profesor de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Facultade de Física de Santiago. Recentemente recibiu da Aneca a Acreditación ao corpo de Catedráticos de Universidade. Ten publicado máis de 250 artigos en revistas internacionais, congresos e capítulos de libro. Ademais, actuou como revisor en 21 revistas internacionais citadas no SCI (Science Citation Index) e pertence ao comité editorial de dúas delas.

PUBLICIDADE