O profesor Fernández Areal anima a loitar contra a idea da Rede antixornalística

mércores, 15 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo publica estes días na súa web un achegamento-homenaxe a unha das figuras máis senlleiras do panorama galego da comunicación en calquera das súas manifestacións (mesmo a dixital), Manuel Fernández Areal, primeiro decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, profesor emérito xubilado hai pouco e que mantén, malia todo, importantes ligazóns coa vida do Campus de Pontevedra, sede da dita escola. Fernández Areal, con 80 anos e cunha bagaxe formativa e cultural que cualifica propia do “século pasado”, aposta pola evolución do proceso xornalístico. Tanto é así que anima aos directamente responsables a loitar contra a idea de que as novas tecnoloxías vaian destruír o xornalismo.
Fernández Areal, exemplo perfecto de que a xubilación obrigada non sempre é boa nin xusta para uns e outros (foi pensando nel polo que a Universidade impulsou a figura do profesor emérito para permitirlles aos docentes 10 anos máis de actividade) sostén que o abano de posibilidades que achega a Sociedade da Información, comunicativa e culturalmente falando, é amplo de abondo. Malia todo, sinala, a xanela ao coñecemento non ten porqué significar que todas e todos nos podamos converter en xornalistas. Unha cousa é opinión e outra información, comenta, ao tempo que se confesa usuario asiduo do correo electrónico pero non do móbil, ao que probablemente (e de seguro que non lle falta razón) ve como un dos principais culpables da falta de diálogo entre as persoas. De feito, que sentido ten interromper unha conversa presencial para coller o teléfono, se non hai nada que nos asegure que o chega polo móbil vaia ser máis importante?

PUBLICIDADE