O principal banco de Colombia aposta pola tecnoloxía de Tecnocom

mércores, 23 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa Tecnocom, que ten tres importantes centros de operación na nosa terra e que integra no seu seo á galega Softgal, vén de resultar elixida para a renovación da plataforma de software de medios de pago de Colpatria, ente colombiano emprazado en primeira fila do tecido financeiro do país. Tecnocom, que resultou adxudicataria do concurso logo de competir con algunhas das empresas TIC de meirande renome do panorama internacional, achegaralle a Colpatria as súas solucións SIA-SAT-SFC. Esta iniciativa empresarial permitiralle á entidade financeira renovar tódalas aplicacións e plataformas informáticas que estean ligadas á xestión do seu importante número de tarxetas (arredor de un millón), os seus sistemas de autorizacións, as conexións coas redes de medios e a creación de programas dirixidos a mellorar o trato e a comunicación cos clientes.
Segundo informa Tecnocom avaliando punto por punto as achegas a aplicar na banca, SIA é o Sistema Integrado de Autorizacións multicanle no eido dos medios de pago electrónicos, SAT constitúe o Sistema de Administración de Tarxetas que fornece de cobertura global sobre as funcións de negocio (dándolle soporte ao circuíto operativo específico) e SFC preséntase como a plataforma software de Tecnocom. Esta plataforma xorde entre outras cousas para favorecer a implementación de programas de xestión e comunicación cos clientes (fidelización) unha ferramenta chave de promoción para a xestión.
Polo que respecta a Colpatria, o que procura con esta aposta pola tecnoloxía e servizos de Tecnocom é dar demanda ás necesidades crecentes do negocio, “mellorando deste xeito a súa flexibilidade para a posta en marcha de produtos e o desenvolvemento do negocio, todo isto acadando meirande rapidez nas operacións e máis seguridade”. Amais disto, o que pretende a entidade financeira é manter a súa posición de líder tecnolóxico dentro do seu eido operativo de mercado, amais de seguir garantindo a calidade de servizo que foi quen de acadar ao longo destes anos.
Polo que respecta ás análises feitos polos expertos acerca deste proxecto conxunto, apúntase a que a nova solución de pagos de Tecnocom permitiralle a Colpatria seguir incrementando a súa cota de mercado no sector, “grazas á flexibilidade dos sistemas novos, á súa moderna arquitectura dirixida a servizos e á posibilidade de creación de produtos especializados e encamiñados, one to one, eixe principal da demanda no dito sector a nivel internacional”.

PUBLICIDADE