O primeiro monitor 5K de Samsung será realidade en agosto

luns, 17 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Durante o CES de Las Vegas presentouse o monitor ViewFinity S9, unha pantalla de 27 polgadas con resolución 5K, que claramente buscaba situarse no mercado como alternativa ao Studio Display de Apple, ao que pretendía superar en elementos como unha webcam 4K, a integración de funcións propias dunha Smart TV e unha pantalla mate de serie (elemento que no monitor de Apple incrementaba o prezo en 250 euros).
Parecía que o Samsung ViewFinity S9 ía chegar ao mercado cun prezo moi competitivo, pero agora que se anuncia o seu lanzamento nos EE.UU. no mes de agosto vemos que este tipo de pantallas non poden comercializarse a un prezo moi axustado, e o prezo oficial do monitor é de 1.599,99 dólares, coincidindo co prezo do modelo base do Studio Display (aínda que realmente habería que comparalo co modelo de 2.299 dólares, xa que ten soporte regulable e pantalla mate).
Este novo monitor ten unha pantalla IPS de 27 polgadas cunha resolución de 5.120 x 2.880 píxeles que pode calibrarse coa axuda dunha aplicación para móbiles, inclúe unha cámara 4K, integra aplicacións de Smart TV (incluíndo as que permiten gozar do xogo na nube sen contar con ordenador nin consola), ten 1 conector Thunderbolt 4 capaz de achegar até 90 watts, 1 porto mini DisplayPort, USB-C e é compatible con soportes VESA 100x100.
Un produto realmente interesante, especialmente para usuarios de equipos de Apple (que teñen un funcionamento máis satisfactorio en 5K que en 4K, por mor do tipo de escalado de imaxe que fai macOS), que como principal atranco ten o seu prezo elevado, aínda que pode non ser un detalle tan importante se temos en contra que está destinado a usuarios profesionais.

Vídeo promocional do monitor Samsung ViewFinity S9

PUBLICIDADE