O prezo dos televisores LCD xa non seguirá baixando

luns, 21 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Se somos dos que agardan até o último intre para adquirir un trebello tecnolóxico determinado co obxectivo de aproveitar o mellor prezo posible logo das baixadas que, coma a afouteza na mili, se lle supoñen, se cadra cómpre non esperar máis no que se refire ás pantallas de televisión LCD. Ou sexa: que os prezos destes aparellos non van baixar máis (polo menos, non de xeito realmente apreciable), por moito que poñamos en xogo as nosas mellores tácticas de releo ou nos encomendemos a santos milagreiros. Polo menos, así nolo explica Wired nun artigo do que se fai eco Enrique Dans e que incide no feito de que teña tocado teito (ou mellor dito: tocado chan) o elemento máis caro deste tipo de televisións: o panel LCD, que constitúe preto do 60% do custo final do aparello.
Deste xeito, e tendo en conta que no mercado vén de acadar o seu prezo máis baixo e xa se están a rexistrar sinais de rebote, estamos logo ante un indicio claro abondo de que non se van seguir saturando as nosas caixas de correo con máis ofertas de promoción.
Ou sexa, que para a vindeira tempada os prezos serán moi semellantes ós da actualidade: entre os 700 e os 1.600 euros. Este proceso de estabilización probablemente non teña grandes repercusións no mercado español, onde segundo indica Dans no seu artigo, a industria atopou algúns dos máis altos índices de demanda. Ou sexa: seguirá imparable o proceso de substitución dos vellos televisores de tubo polos planos LCD, por moito que o novo produto (como case todos os que se fabrican hoxe en día, feitos para achegar ledicias durante uns tres ou catro anos e nada máis) leve moito peor o emprego continuo e o paso do tempo.

PUBLICIDADE