O prestixioso congreso SEPG de Múnic terá presenza galega

luns, 7 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

No blog galego Excelente Soft atopamos o seguinte comentario con respecto a unha entrada recente sobre innovación feita dende aquí: “En Galiza tamén sabemos facer tecnoloxía, nin mellor nin peor cá do resto”. Disto, de situarnos en igualdade de potencialidades e condicións e, sobre todo, de crérmolo, é do que se nutre en boa medida a plataforma TIC Vindeira, integrada por empresas do sector tecnolóxico da nosa terra. O dito proxecto está estes días a subir chanzos no camiño do recoñecemento ós seus froitos, tal e como nos informa Enrique de Miguel, director de Excelencia Software e coordinador do grupo de firmas TIC de Vindeira. Segundo informa De Miguel, a facción deste grupo que integra Excelencia participará no mes de xuño (do 10 ó 13) no congreso SEPG Europe 2008 que se celebra en Múnic, e farao dando a coñecer polo miúdo certas experiencias en materia de cooperación.
Máis concretamente, as empresas e centros de investigación do devandito grupo presentarán o labor de unificación dos seus procesos de deseño encamiñados a abordar de xeito conxunto proxectos de I+D de gran alcance. Segundo di De Miguel, estes proxectos -nos que se están a implantar niveis de certificación de calidade CMMi- serven tamén para amosar que é posible situar ás empresas galegas na punta de lanza da calidade e a excelencia no desenvolvemento de programación no internacional, “creando a masa crítica precisa para impulsar software de xeito conxunto e mediante o traballo en rede”.
Cómpre sinalar que o SEPF é un prestixioso encontro anual europeo que centra gran parte do seu programa en atopar novos vieiros para a mellora do software e dos seus procesos de creación. E todo iso apostando polos ditos avais CMMi.

PUBLICIDADE