O presidente Obama estrea conta de Twitter

luns, 18 de maio do 2015 Marcus Fernández

Unha nova curiosa produciuse hoxe: o presidente dos EE.UU. estreou conta de usuario en Twitter. É algo un tanto rechamante porque, aínda que tanto a Casa Branca coma o equipo de Barack Obama si tiñan contas oficiais, a Presidencia non tiña unha presenza de seu até hoxe, cando dende a conta @POTUS o presidente Obama escribiu “Ola, Twitter! Son Barack. De verdade! Levo seis anos e por fin me deixan ter a miña propia conta”.
En contraste, o equipo da Primeira Dama dos EE.UU. leva máis de dous anos publicando dende a conta de Twitter @FLOTUS, á que o propio Obama fixo referencia tras ver como o ex presidente Clinton amosaba interese sobre se a nova conta de Twitter correspondía a Obama ou ao seu posto como presidente.
Dende a Casa Branca aseguran que mentres o resto de contas oficiais están administradas por un equipo, no caso de @POTUS só poderá publicar chíos o propio presidente Obama, o que levou a que tamén tivese certa repercusión que a aplicación empregada para realizar as publicacións fose Twitter para iPhone, pois cómpre lembrar que Barack Obama era posiblemente o usuario de BlackBerry máis popular do mundo.

O presidente dos EE.UU. publicando o seu primeiro chío a través da conta @POTUS

PUBLICIDADE