O prazo para participarnos no curso de animación en 3D de Allariz, aberto até novembro

luns, 23 de outubro do 2017 Redacción

O Concello de Allariz está a organizar un obradoiro que nos sitúa de face ás novas tecnoloxías ao servizo do audiovisual, máis polo miúdo co eido da animación en 3D. O Curso de introdución ao desenvolvemento de películas de debuxos animados vaise desenvolver até xullo do ano vindeiro, establecéndose os contidos en dous bloques: un de contidos prácticos e outro de teóricos. O Concello vén de anunciar que quere acadar a máxima participación nesta actividade, de aí que abrise até novembro un novo prazo para formalizarnos nela a nosa inscrición.
O obradoiro está dirixido a aquelas persoas que desexen introducirse no mundo da animación xerada por computador. “Os seus contidos”, sinala o Concello, “darannos una visión de conxunto do software en 3D e da produción de debuxos Animados, amais dun coñecemento en profundidade das ferramentas de traballo e o ámbito no que se desenvolven cinematograficamente”.
O Goberno local tamén informou de que o obradoiro, que se vai desenvolver na Casa da Mocidade, inclúe unha clase semanal de tres horas e media de duración, a sexta feira (venres) pola tarde, e o sábado pola mañá. A formación compleméntase cunha clase por video-conferencia semanal durante a cal resolveranse dúbidas sobre exercicios prácticos e farase un seguimento dos proxectos persoais que alumnos e alumnas estean a desenvolver durante o curso.
O primeiro dos bloques abordará cuestións como a interface, o modelado (técnicas, mallas e curvas, modelado de textos), cámaras e iluminación, texturas e materiais, modelado de personaxes, animación (claves e liña de tempo, editores, animación de obxectos, de personaxes e de FX) e composición.
O bloque teórico introducirá aos participantes en procesos de produción, pre-produción (linguaxe cinematográfica, ideas para o guión, storyboard), creación de personaxes (anatomía, estereotipos, poses e siluetas, liñas de acción), teoría da animación (técnicas, os principios da animación, as leis físicas aplicadas, tempo e ritmo, animación facial, locomoción) e elaboración de proxectos de animación (mercados e festivas, axudas á produción).
As persoas que estean interesadas en asistir ao obradoiro deberán chamar ao 615 395 871 ou ben enviar un correo electrónico a animacion3d@allariz.com.

PUBLICIDADE